Década 1950-60.
Xosé Ramón Reboiras Noia. A familia. A aldea.
Nace en Imo (Concello de Dodro) á beira do río Ulla, entre o Padrón de Rosalía e o Rianxo de Castelao, o 26 de xaneiro de 1950, no seo dunha familia labrega humilde. Os avós emigraran a América a principios do século XX e o pai, fuxindo do minifundismo e a miseria de posguerra, busca fortuna nos barcos nórdicos que recorren o mundo mentres a nai cría os fillos, mantén a casa, as leiras e o gando.
Década 1960-70.
Xosé Ramón Reboiras. Do campo á cidade. O barrio de Teis. Os estudos, a formación e a toma de conciencia política.
En 1959, cando Pepe, que é o seu nome familiar, vai cumprir 10 anos, a familia decide trasladarse ao barrio de Teis (Vigo) e alugar un pequeno negocio de hostalería en busca dun futuro mellor e para que os fillos podan continuar os estudos, xa que ven na cultura e na educación a mellor forma de progreso.
O barrio de Teis-Vigo .
Teis é un barrio obreiro cunha importante industria naval, con restos aínda dunha economía agraria de subsistencia, un residual sector mariñeiro e un emerxente sector servizos.
Moncho intégrase no barrio sen grandes problemas, despois de pasar un primeiro choque polo xeito de falar e pola súa cultura rural, que ten pouco que ver co chapurreado e a cultura dominante dun barrio obreiro da periferia de Vigo.
Os estudos.
Estuda o bacharelato elemental e parte do superior por libre, nas academias de Teis, e axuda no negocio familiar. Os dous últimos anos (6º e Preu) matricúlase por oficial no instituto Santa Irene e comeza a ler cousas sobre a lingua, a historia e a cultura de Galiza; a tomar conciencia dos problemas sociais, políticos e culturais que se estaban a vivir e contacta coa xeración de galeguistas e nacionalistas que sobreviven ás consecuencias tráxicas da guerra.
As asociacións, a cultura e a política.
A súa primeira forma de compromiso persoal é ao redor dunha asociación cultural de Teis, onde participan moitos mozos con inquedanzas sociais e culturais. Algúns destes mozos coincidirán mais tarde na Asociación Cultural de Vigo, na A.C. o Castro e na Penzol, onde realmente se concretan os contidos políticos e o compromiso militante.
Estuda a carreira de enxeñería na escola de Vigo e en 1969 ingresa na UPG. O seu carácter reflexivo, estudoso, teimoso e constante lévao a participar nos actos reivindicativos que daquela se podían facer nas escolas universitarias, e publica nunha revista sarcástica e irónica que se editaba con motivo da festa do des... tornillo o poema “Berra Non” que quere ser unha reafirmación do poema “Non” do libro Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, que desde o exilio manten o lume acceso da versión máis nacionalista do PG anterior ao golpe militar.
1970-75
|
En 1971 asume, con outros novos cadros do partido, a responsabilidade de neutralizar un intento de control da organización por parte dun dirixente que estudaba en Madrid (Pepe Torres) para convertela nunha sección máis do movemento comunista español. Aquí comeza o seu liderado. |
| |
|
|
En 1972 , comeza a traballar en Barreras e asume un senlleiro papel a nivel organizativo, de axitación e propaganda. As loitas obreiras en Ferrol de marzo do 72 e os asasinatos de Amador e Daniel na ponte das Pías, fan que Moncho asuma novos compromisos e aparecen textos cunha linguaxe distinta, máis próxima e directa como aquel Terra e Tempo especial de abril de 1972 publicado como “dossier” da incrible represión que describe con detalle as múltiples agresións, detencións e asasinatos.
En setembro daquel mesmo ano, con outros colectivos de Organización Obreira do naval e de Galicia Socialista de Citröen, asumen a vangarda da folga xeral de Vigo naquel famoso e cruento setembro negro.
Os anos posteriores son decisivos para consolidar a resistencia política ao franquismo e potenciar as organizacións de masas de carácter nacionalista. Créanse a Fronte obreira, a fronte Cultural e as organizacións de masas: ERGA (estudantes), CALL-CCLL (labregos), UTEG (ensinantes), SOG (obreiros), SGTM (mariñeiros), UTBG (banca), UTSG (sanidade), etc. que en 1975 conflúen na organización interclasista AN-PG, dándolle forma e coherencia a un partido e a unha fronte que plantexa a revolución nacional-popular como camiño cara o socialismo e o comunismo.
|
| |
|
|
No ano 1973 por mandato do partido, asume a neutralización dun novo intento de desviacionismo dun dirixente do partido, que utilizando o voluntarismo e certo infantilismo político do estudantado de Compostela quere impoñer a guerra revolucionaria como eixo principal da acción política, opoñéndose á política de mobilización das masas que o partido tiña definido. Unha vez máis, a personalidade de Moncho e os seus fundamentos ideolóxicos, foron quen de neutralizar esta intentona e integrar de novo aos estudantes na organización. |
| |
|
|
En 1974 , o 25 de abril, a revolución dos caraveis en Portugal, abre para España e para Galiza un novo camiño de liberdade. As ditaduras non só morren, tamén se poden derrubar e así, despois de 150 anos de imperio colonial portugués e moitos anos de ditadura Salazarista, parella á ditadura franquista, o exército organizado e concienciado e o pobo nas rúas, en menos de 24 horas, é quen de abrir un novo camiño de esperanza e de futuro.
Os sectores que colaboran co franquismo, despois da experiencia portuguesa entenden que desde dentro non hai solución e comezan a mover ficha para buscar unha alternativa democrática para o posfranquismo.
O réxime perde consistencia e as organizacións de esquerdas buscan alianzas para unha reforma democrática, mentres os nacionalismos buscan unha alternativa de ruptura democrática. Moncho, identificado polo réxime político como dirixente dun partido que comeza a ter unha importante base social e o recoñecemento de distintas organizacións do estado e de Europa, é perseguido e ten que pasar á clandestinidade. Co apoio do movemento das forzas armadas portuguesas e as súas organizacións populares e a colaboración coas outras organizacións nacionalistas do estado, vai tomando corpo aquela frase que dicía “para derrocar á ditadura o pobo debe pasar a formas mais avanzadas de loita” que sempre estaban presentes no debate político.
Organízanse as primeiras células armadas que desde a clandestinidade, serven para lograr os recursos e a loxística necesaria para atender a axitación e a propaganda do combate político e sindical e facer fronte á ditadura e ás súas forzas represivas que nestes últimos anos, exercen unha brutal represión, especialmente sobre as organizacións nacionalistas e comunistas.
|
| |
|
 |
O 12 de agosto de 1975 , Moncho é abatido a tiros polas costas nas rúas de Ferrol, fronte ao número 27 da rúa Terra.
Despois de 34 anos, en 2009 o Ministerio de Xustiza do Goberno de España, vén de recoñecer que Moncho Reboiras padecera ilexitimamente persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical. |
|